TRAXES


Queixumes dos Pinos conta, para as súas actuacións, con diferentes vestiarios populares. O traxe principal é o traxe de gala, que era o utilizado polas persoas con máis recursos para ir ás grandes festas ou a actos públicos relevantes. Tamén está o traxe de diario ou de cotío, que se empregaba para facer as labouras diarias do campo. Outros traxes empregados polos compoñentes do grupo son o traxe das mariñeiras, o traxe da época da emigración e o traxe de Xuvencos.

Cada un destes traxes está documentado nunha época e nunha zona diferente de Galicia. Son traxes tradicionais, baseados nun riguroso traballo de investigación desenvolvido polo artesán José Antero Rodríguez, encargado da imaxe da agrupación.

Queixumes dos Pinos concede unha gran importancia á imaxe dos seus compoñentes, por ser un xeito de achegar ó público á vestimenta dos nosos antepasados, e por ter unha importancia fundamental no resultado dun espectáculo folclórico. O traxe é como unha xoia para cada bailador e bailadora, porque di moitas cousas da súa personalidade.

MÚSICA

As pezas musicais de Queixumes dos Pinos son, na súa maior parte, composicións populares galegas que proceden de diferentes puntos da nosa Comunidade Autónoma. A maioría correspóndense con pezas de baile, e outras son pezas musicais que forman parte da historia da música galega. Tamén teñen cancións de composición propia.
Os compoñentes do grupo aprenden a tocar estas pezas na Escola de Música, onde reciben unha completa formación tanto en solfeo como nos diferentes instrumentos de gaita e percusión, así como de canto tradicional.

ESCOLA DE MÚSICA E DANZA

A agrupación conta cunha escola de música e de danza ubicada no barrio do Couto de Ourense (rúa Zurbarán, nº 25, baixo). Nesta escola central estudan 150 alumnos, e perto de 450 desenvolven os seus estudos nos diferentes centros, asociacións e concellos nos que o grupo imparte clases.


Gañas de aprender, ilusión por coñecer o folclore tradicional galego e capacidade para realizar unha actividade onde prima o concepto de grupo por riba da individualidade son as únicas cualidades que se precisan para formar parte do colectivo, ó que se pode acceder a partires dos catro anos de idade.

DANZAS
5

Queixumes dos Pinos interpreta danzas de tódalas provincias galegas, tentando sempre trasmitirlle a cada baile o estilo propio da zona donde provén. Ademáis, e dada a proximidade con Portugal, tamén bailan pezas da zona da raia, moi influenciadas pola música e o baile tradicional do país veciño.
Para recopilar estas pezas, a agrupación desenvolve un riguroso traballo de investigación percorrendo os lugares onde se bailaban. No seu repertorio tamén contan con outras coreografías que aprenden nos numerosos cursos nos que participan. É por iso que cada peza que bailan ten as súas características propias, en función da ubicación xeográfica á que pertenza.
Queixumes dos Pinos interpreta fielmente estas pezas, facendo só pequenos arranxos coreográficos naquelas danzas que así o requiran. As danzas procesionais non sufren modificación algunha.

 

AS DANZAS MÁIS IMPORTANTES


A Danza Procesional en honor á Virxe dos Gozos é unha das pezas de maior valor sentimental para Queixumes dos Pinos, por ser a virxe da Igrexa que estaba ó carón do centro de ensaio nos Gozos. Pero hai outras pezas importantes para a agrupación. Entre elas figuran a Muiñeira de Camposa, por ser un dos bailes nos que o público máis se involucrou e desfrutou durante as primeiras actuacións do grupo. Tamén A Pandeirada de Ourense, por ser a peza coa que comezan a bailar os nenos do grupo. E, por último, a Muiñeira de Areal, unha coreografía de gran viveza e espectacularidade que encumbrou ó colectivo para acadar os maiores éxitos internacionais.